Saturday 18 de May de 2024

Inauguración de “Meigas, sabias e mulleres boas” en San Sadurniño


Este serán inaugurouse oficialmente a exposición “Meigas, sabias e mulleres boas”, da ceramista fenesa Carme Romero, que permanecerá na Galería da Casa do Concello de San Sadurniño até o 15 de decembro. No acto participaron amizades e familiares da artista, ademais de veciñanza, parte do equipo de goberno e membros de colectivos culturais de dentro e fóra de San Sadurniño.

A mostra foi presentada pola profesora Pilar Vázquez, da asociación cultural Eira Vella (Betanzos) e, ademais, contou cun pequeno recital de zanfona e guitarra clásica ofrecido polas irmás Iria e Candea Quintía Romero, fillas da ceramista.

A exposición, composta por máis de medio cento de pezas entre figuras e cadros, pode visitarse nos horarios de apertura das oficinas municipais, de luns a venres entre as 8:30 e as 14:30h. Ademais, os venres a partir do día 11, Carme Romero estará polas tardes na galería para guiar o público pola mostra e para comentar con tanto a súa técnica como os múltiples significados da súa obra, centrada neste caso nesas mulleres con saberes e habilidades tan especiais, e tan vinculadas á nosa cultura.